miércoles, 12 de noviembre de 2008

ARTICULO DEL FARO DE VIGO



FOTOS FARO DE VIGO

12 NOVIEMBRE 2008
DON MANUEL E MAIS NÓS, por A Fervenza de Ouzande
Publicado por Silvia Rozas a las 19:30 Sección Artículos, Sacerdotes
Cando soan as campás da aldea,lánguidas e tristes, nunha mañá neboenta de outono, non pode ser por algo bo. As campás de Ouzande trouxéronnos a nova triste do pasamento do noso querido Don Manuel, cura, e algo máis que cura, de noso.
Xa hai máis de corenta anos, chegou á Estrada e a Ouzande un home que non só se ocupou de misar, que tamén, durante todos estes anos, senón tamén de procurar a mellora da vida dos seus novos conveciños. Moitas horas de conversas,trato,ou partidas na taberna, permitíronlle coñecernos ben e tratar de facernos un pouco mellores.
Don Manuel aproveitou a súa condición e certa influencia para liderar numerosos proxectos que, ao final, acabaron redundando en sensibles melloras para a parroquia. Mesmo, en non poucas ocasións, tivo que limar asperezas e pequenos desacordos entre veciños, de cara a unha saudable convivencia, e que permitiran acadar avances en Ouzande. Tal foi o caso das obras da canalización da auga, alá por principios dos 70, ou a realización dun novo campo da festa, tamén nesa época. Por certo, como nos confesaba nunha entrevista de hai uns anos, tivo que convencer a un enxeñeiro cordobés e a outro vasco da idoneidade de situar o novo campo ao pé da igrexa, e non onde eles dicían,no linde coa parroquia da Somoza. Algunhas clases de socioloxía rural galega lles tivo que dar Don Manuel.
Se hoxe temos a nosa igrexa, xoia do románico, e o noso adro co seu cruceiro, un dos máis fermosos da contorna, tan ben coidados, tamén llo debemos á súa iniciativa e liderado. on Manuel,teimudo e tenaz, conseguiu sempre axuntar o traballo e a vontade das persoas cara o ben común.

Tamén saíron del iniciativas que todos os ouzandeses e ouzandesas recordamos, como as xuntanzas festeiras, na Carballeira de Cabanas, ou no Campo da Festa, onde toda a parroquia se reunía para desfrutar dun día de lecer e de compañía. Ou cando nos puxo a facer teatro, que acabamos indo polas parroquias da contorna para representar as obras que nos ensaiaba o entrañable e querido tamén, don Olimpio.
Don Manuel Castiñeiras foi, ademais, socio fundador da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, alá polo 2001. Participou, como moitos outros veciños, de xeito desinteresado e entusiasta na vida da nosa asociación; mesmo lle debemos a el o noso propio nome, pois cando alguén propuxo chamarnos“A Fervenza”, el suxeriu que debería ser “A Fervenza de Ouzande”, xa que fervenzas había moitas, mesmo na súa terra de Xallas,“pero a nosa é nosa”. Recordo tamén que foi el o impulsor dunha actividade inesquecible para nós, como foron as Xornadas sobre as Campás, con curso práctico incluído, e grazas as cales hoxe as nosas campás se poden escoitar en todo omundo a través de internet.
Por último,quero agradecerlle unha cousa, xa que non o fixen expresamente mentres viviu. on Manuel foi unha das persoas que me aprendeu a amar o meu, a miña terra, a miña lingua, o meu ser. Don Manuel tamén me permitiu aprender a ler en público, como a tantos rapaces da parroquia, a tocar as campás, e sobre todo a tratar de ser unha boa persoa. Na aprendizaxe destas cousas continuaremos.
Só me queda unha tristura fonda. Don Manuel marchou sen poder ler uns fermosos poemas que van aparecer na revista Carreiros, que agora mesmo está na imprenta. Están compostos por outro home bo e xeneroso: Manolo de Cabanas, emigrante ouzandés en Brasil. De todos xeitos, estou seguro de que o seu emocionado canto ás campás de Ouzande, tanxidas polo noso querido e recordado Alfonso de Chedas, ha chegar ao corazón de Don Manuel, alá no ceo.
O corpo de Manuel Castiñeiras ficará en Ouzande. A súa alma e o seu recordo tamén.
Publicado en Faro de Vigo
0 comentarios

No hay comentarios: