sábado, 29 de noviembre de 2008

CARTA DEL SR. ARZOBISPO DE SANTIAGO. LA NAVIDAD.



Carta do noso ARCEBISPO no ADVENTO e no NADAL 2008 (III)
Publicado por Silvia Rozas a las 10:00 Sección Arzobispo
Queridos diocesanos:
A contemplación do nacemento do Fillo de Deus na gruta de Belén introdúcenos nun ámbito de sobriedade, austeridade e recollemento espiritual para vivir o Nadal. Habemos de procurar que estas disposicións non se vexan perturbadas por un afán consumista que desasosega ás familias con posibilidades económicas e humilla ás que carecen do necesario. Son momentos os nosos en que a austeridade duns ha de converterse en axuda para outros. Pídovos que vivamos como día de xaxún o venres da terceira semana de Advento, día 19 de decembro con actitude profundamente espiritual, ofrecendo unha axuda económica a través de Cáritas para os necesitados. Só o espírito fraternal e solidario recolle o segredo do verdadeiro Nadal que nos fala da humildade e da bondade misericordiosa de Cristo, que “sendo rico, fíxose pobre por vós” (2Cor 8,9). O Nadal trae felicidade, alegría e paz a quen, como os pastores en Belén, acollen as palabras do anxo para atopar a Xesús: “Este é o sinal: atoparedes unha criatura envurullada e deitada nunha manxadoira, nunha corte” (Lc 2, 12).
Anímovos a recuperar a tradición de pór o Belén no voso fogar, que é unha forma de ofrecer unha actividade educativa da fe humanizadora e personalizadora e de axudar a contemplar o misterio do amor de Deus que se revelou na pobreza e na sinxeleza da gruta de Belén. Volvamos a Deus para que o noso corazón reviva e superemos a experiencia de ambigüidade relixiosa na que nos movemos ás veces. Necesitamos atoparnos connosco mesmos, poñernos en camiño como os Magos e adorar ao Neno Deus, fundamento da nosa esperanza. A infidelidade a Deus erosiona a nosa dignidade persoal pois “sen o Creador a criatura dilúese” (GS 36). A fidelidade fai nosa a verdadeira historia de salvación que pasa polo encontro persoal con Cristo e fainos entender o amor como saída do noso egoísmo e manifestación da nosa solidariedade cos necesitados. ¡Feliz e santo Nadal! Saúdavos con afecto e bendí no Señor, Xulián Barrio

No hay comentarios: